terça-feira, junho 27, 2006

O 25 de Julho, reivindiquemos a Autodeterminaçom

ESTATUTOS NON. AUTODETERMINACIÓN
25 de Xullo, Día da Patria

Temos por diante un novo 25 de Xullo que este ano se conmemora baixo unhas condicións políticas especiais.
Para as BDG, a reforma do Estatuto é, novamente, a maneira que teñen desde o aparello do Estado e os seus representantes en Galiza de furtar o lexítimo dereito dun pobo a decidir o seu destino, quer dicir, a exercer o dereito a autodeterminación, para alén das discusións nominalistas sobre se Estatuto de Nación si ou non.
A Autodeterminación é o proceso político polo cal o conxunto dun Pobo decide, con plena potestade e sen calesquera inxerencias externas, o seu destino: a súa relación co resto de nacións, o seu modelo político e económico, o papel da súa lingua e cultura. Galiza é un Pobo, unha comunidade humana dotada de acusados trazos que a singularizan, é unha nación, colectivo en permanente construción e desexo constatado de ser e de plasmar a súa existencia en institucións propias.
As BDG consideramos que Galiza, como nación, ten o dereito democrático á autodeterminación e que hoxe, este dereito, non é tomado en consideración polas forzas que están a negociar a reforma do actual Estatuto de Autonomía. Un estatuto de autonomía é un resultado tan lexítimo como outro cualquer nun proceso de autodeterminación, máis a autodeterminación sempre vai antes..
As Bases Democráticas Galegas erguen-se como um espazo dese movemento social soberanista que constrúe a nación a partir de abaixo. Xunto a unha ampla rede de colectivos, partidos, centros sociais, organizacións estudiantís e xuvenís, asociacións culturais, forzas sindicais e nacionalistas independentes, envólvese na reivindicación soberanista e reclama unha democracia que supere o simple verniz: un ámbito galego de decisión que parta do exercicio da autodeterminación, considerando Galiza en toda a súa entidade territorial para alén das fronteiras restritas da actual Comunidade Autónoma de Galiza; un cadro galego de relacións laborais que posibilite o avanzo das reivindicacións da nosa clase traballadora sen interferencias alleas; un contexto de liberdades políticas plenas en que cese o asedio contra a militancia e a base social independentista e antisistémica.






O dereito de autodeterminación, como a defensa da lingua,da nosa cultura non pode submeterse aos intereses partidistas. Por iso, as Bases Democráticas Galegas, como movemento social, como espazo suprapartidario do soberanismo de esquerda de Galiza, decidimos convocar neste 25 de xullo unha manifestación, ás 13 h. en Compostela, polo Dereito de Autodeterminación sob a lexenda “Estatutos non. Autodeterminación”, que desexamos poida ser apoiada por un amplo e plural abano das forzas políticas, sindicais e sociais que defendemos a liberdade e a soberanía do noso país.

Galiza, Xuño de 2006

Asdo. Braulio Amaro Caamaño

Coordenador das Bases Democráticas Galegas