Acabou-se a mama toda!!!
Vamos começar o ano com humor. Concretamente com umha pequena escolma de vídeos de um personagem de um programa da SIC chamado "Vai tudo abaixo". O personagem em questom é o Black Skin e vem sendo um skinhead fascista, mas com umha característica muito peculiar que é a cor da sua pele, o que provoca situaçons estranhas e chocantes. Se atopárades a um fulano assim pola rua, o quê fariades?
4 Comments:
Eu non lle vexo a gracia, entre outras cousas porque:
a) os sketches non rematan cun descobremento da farsa, e non sabemos se este se produciu. Non vexo que diferencia hai entre estas expulsións e intimidacións finxidas e as reais se non se lles conta aos involucrados que era todo uha brincadeira.
b) o personaxe está caricaturizado dunha forma atroz, non representa un icono realmente intimidatorio (non hai máis que ver o can), e cae de cheo nesas tendencias de racismo brando tan comúns na televisión portuguesa.
c) aínda que eu considero que o nacionalismo de estado aproxímase moito ao fascismo, si que entendo que como sentimento poida espallarse en momentos concretos e banais, como os días de festa ou os eventos deportivos. Aclarado isto non sei que gracia ten que un negro reparta bandeiras de Portugal no seu día nacional. Hai miles de persoas negras coa cidadanía portuguesa que teñen o mesmo dereito aos sentimentos de amor e xenreira polo seu país que calquera outro portugués. Ver niso unha contradicción que debe facernos rir é ter un discurso cunha base racista ou de nacionalismo étnico.
d) "coñece ao teu inimigo". Houbo persoas negras e asiáticas que loitaron do bando alemán na segunda guerra mundial. A representación dun nazismo unicamente branco é só unha das tendencias que existían dentro do movemento, e aínda que foi a que pasou ao imaxinario popular non foi a única. A vertente máis "intelectual" defendía a existencia dun pobo superior por cada unha das tres razas humanas (así se explicaba tamén a alianza con Xapón). A mediados dos 70 acusouse a fotógrafa Leni Riefenstahl de representar un punto de vista supremacista por un traballo sobre o pobo nubio, argumentando que para ela eran os "alemáns africanos". Un nazi negro? Estraño pero perfectamente posible. E moi pouco cómico.
e) "coñece ao teu inimigo" (parte 2). No caso concreto de Portugal, o salazarismo representou moi frecuentemente a vontade dun Imperio multirracial, no que os europeos brancos facían de tutores da evolución das súas colonias. Aínda hoxe a vella dereita portuguesa se orgulla de que de non ser por eles as antigas colonias serían soamente unha xungla cos negros correndo espidos. Moitos dos colonizados apoiaron esta lectura paternalista, e mesmo a defenderon (as clases altas das colonias eran salazaristas, e non só as de orixe europea). Así que o mesmo, non sei que ten de cómico un negro salazarista, houbóos e hainos, presentalo como algo cómico demostra un profundo descoñecemento da propia historia do seu pobo.
O anonimato na internet nunca é bem intencionado. Quem aquí postou pretende dar-me umha liçom a mim sobre o fascismo. E dá por sentado que eu nom estou alerta de determinadas supostas contradicçons. Pior é pretender que eu som racista.
Os vídeos som cortes dos programas, e é certo que nom sai a parte onde os "cachados" pola cámara oculta som avisados de que se trata de umha brincadeira, mas suponho que assim foi, já que em episódios determinados como a do Black Skin na Corrida contra o Racismo o gajo chega a falar amigavelmente com algum participante e, aliás, a maioria dos increpados o tomam maiormente a troça.
Liçons de correcçom política desde o anonimato...isso é pretender jogar com avantagem, para destroir o que constroim os demais.
há um apriorismo imperdoável nisso de pretender que quem promove este blog é um racista.
Non tome a mal, non pretendía criticalo a vostede, senón ao programa. Dou por feito que non hai racismo na súa intención, pero se cadra si unha análise un tanto superficial dos videos. Desculpe se puido sentirse ofendido, non era a miña intención.
Bem, umha vez aclarado que a intençom era criticar os vídeos e o programa, o certo é que agradeceria que se me informasse sobre se em Portugal alguém percebe o tal programa como ferinte cara aos negros. E isto nom o digo como desafio, digo-o porque gostaria de sabê-lo, certamente. Seria interessante. Porque o certo é que, ainda que deveriamos, aquí nom colhemos as televisons portuguesas...inclusso a RTP, que antes ia nalgum pacote digital, agora desapareceu da oferta.
Mas entrando mais em matéria, desde logo lamento que se puidera entender que eu perdesse de vista o facto de que um negro se puidera sentir português ou que fosse tam ingénuo de pensar que um negro nom pode ser facha. Há negros que se sentem portugueses, fachas e nom fachas, simplesmente porque há portugueses negros, mas imagino que isso nom necessita ser aló muito explicado.
A mim o mesmo me tem um facha negro que um facha branco. O que me parece(ria) grotesco é um facha negro que se lançasse a outros negros presupondo que som estrangeiros. De facto essa situaçom dá-se em vários sketches.E em qualquer caso, quando isso acontece, quase nunca sai bem parado o Black Skin. Nom me dá a sensaçom de que o Black Skin fosse criado nem para ofender aos negros, nem para deixar bem aos fachas.
Postar um comentário
<< Home