quinta-feira, agosto 17, 2006

As chaves do lume segundo Verdegaia

Dez preguntas básicas sobre os incendios forestais en Galicia



Domingo, 13 de Agosto do 2006
Por causa da intensa vaga de lumes que está a sufrir o noso país desde comezos de agosto, estase a falar moito de lumes forestais. Nas análises do problema predominan moitas veces a falta de rigor e as visións partidarias dun ou doutro signo. Desde Verdegaia queremos contribuír ao esclarecemento da opinión pública respondendo a dez preguntas básicas para entender o problema dos lumes na nosa terra, as súas causas e as súas solucións.

É tan novidosa a vaga de incendios que sufre Galicia?

O número de incendios en Galicia é moi alto. No período 2000-2005 houbo unha media de 10.748 lumes anuais. De forma aproximada, en Galicia teñen lugar o 40% dos lumes españois e queimase o 50% da superficie total que arde en todo o Estado español.
Nos últimos anos, tanto na primavera como no verán, houbo varias semanas nas que se rexistrou unha media de máis de 500 lumes. Non son tan excepcionais os días nos que hai 100-200 lumes (nun só día de marzo de 1998 houbo 323 incendios). Por outro lado, agosto adoita ser o mes con maior número de lumes (unha media de 2.843 no período 1994-2003). As zonas máis afectadas en agosto (máis de 225 lumes de media) soen ser as incluídas nos seguintes distritos forestais: Caldas-O Salnés, O Condado-A Paradanta, Vigo-Baixo Miño e Verín-Viana.
Alén da existencia de vítimas mortais, dúas parecen as razóns principais polas que esta vaga de lumes está a ser máis visíbel que outras acontecidas no pasado. Por un lado, sucede en agosto e afecta a zonas do país densamente poboadas (as vagas que teñen lugar noutros momentos do ano, ou que afectan a áreas con menor peso demográfico e vitalidade socioeconómica, adoitan xerar menos interese). Por outro lado, está ter moita presenza nos medios de comunicación, o que se ve favorecido pola maior transparencia en materia de incendios e o menor control dos medios exercido polo Goberno bipartito Por exemplo, sería impensábel que, con Fraga como presidente, algúns medios, como a TVG, fixesen unha cobertura tan ampla dunha vaga de lumes.
A elevada vulnerabilidade poboacional de moitas zonas afectadas por esta vaga de lumes (vulnerabilidade favorecida por un deficiente ou nulo ordenamento urbanístico), coa conseguinte necesidade de concentrar esforzos na defensa de vidas humanas e vivendas, contribuirá a que a superficie queimada por esta vaga sexa superior a outras rexistradas no pasado.

Cais son as causas estruturais dos incendios?

É preciso ir máis alá das causas inmediatas e reparar nas causas estruturais dos lumes, é dicir, nas causas que favorecen a aparición e a extensión do lume nos montes. O abandono do medio rural, a falta de ordenamento e xestión sustentábel da inmensa maioría da superficie de monte, a elevada combustibilidade das plantacións forestais de piñeiros e eucaliptos, xunto coa cultura do lume que pervive no medio rural (o lume segue a ser unha importante ferramenta agraria, cada ano expídense máis de 300.000 autorizacións e comunicacións para a realización de queimas) e os riscos asociados a novos usos do monte (urbanístico, lecer…) favorecen o xurdimento e a propagación dos lumes.
E as causas inmediatas?
Máis alá de elucubracións, o que se sabe con certeza é dabondo para termos algunhas cousas claras. A primeira é que a inmensa maioría dos incendios son intencionados. Por exemplo, no período 2000-2004, o 85,1% dos lumes en Galicia foron intencionados.
A segunda cousa importante é que se descoñecen as causas de máis do 30% dos incendios intencionados, o que, unido á porcentaxe dos incendios dos que non se sabe nada sobre a súa causa, nen tan sequera se son intencionados ou non (o 7,3% do total entre 2000 e 2004), revela importantes insuficiencias en materia de investigación.
A terceira é que as causas inmediatas dos incendios son múltiples e a súa importancia relativa varía dunhas zonas a outras do país. Porén, toda a xa importante experiencia acumulada en materia de investigación de incendios conclúe que as dúas causas máis importantes coñecidas dos incendios intencionados a nivel do conxunto de Galicia son, con diferenza, as queimas agrícolas e as queimas coa finalidade de crear pastos para o gando mostrengo que vive en zonas de montaña. Esta conclusión non parece que vaia alterarse aínda que mellore moito o estado de coñecemento das causas dos lumes.
Outras causas de incendios intencionados, en xeral de menor importancia cás anteriores, son o uso do lume para combater animais prexudiciais para os cultivos e o gando, o negocio inmobiliario, disputas relacionadas coa propiedade dos montes, vinganzas entre veciños, intereses vencellados á “industria do lume”, especulación madeireira por parte de intermediarios no comercio da madeira, etc, etc.

É o mesmo un pirómano que un incendiario?

É preciso diferenciar entre pirómanos e incendiarios. Os pirómanos son persoas que sofren trastornos mentais que os levan a provocar lumes, mentres que os incendiarios son persoas sas que prenden lume, de forma intencionada ou neglixente. Só 16 de 176 persoas detidas en 2004/2005 pola Garda Civil acusadas de provocaren lumes eran pirómanos.
É serio falar dunha organización incendiaria?
A respecto desta cuestión, o Goberno bipartito está a reaccionar de forma similar a como o facía o Goberno do PP cando había vagas de lume que xeraban forte preocupación social. Como en anos anteriores, ao se ver superado o dispositivo de extinción e os incendios ocuparen o primeiro plano da actualidade, axiña ouvimos falar de “nova tipoloxía de incendiarios", "organizacións incendiarias", “trama organizada”, “incendios de escaparate que só buscan xerar alarma social”. Tampouco é novidoso que se lancen, desde o propio Goberno ou desde o seu entorno, acusacións ou insinuacións de motivacións políticas como causa dunha parte importante dos incendios.
Os que antes, desde a oposición, perante unha vaga de lumes, facían fincapé nas responsabilidades políticas do Goberno, propugnaban un pacto social e político e reclamaban comparecencias parlamentarias urxentes, agora teiman en reducir o problema dos lumes a un asunto de orde pública. Pola contra, os que daquela estaban no Goberno, antes facían o mesmo que fai agora o actual Goberno e agora fan o contrario. O mesmo se pode aplicar a algúns creadores de opinión e a algunhas organizacións sociais afíns ás principais forzas políticas galegas.
O certo é que até hoxe as investigacións da Policia Autonómica e da Garda Civil non demostraron a existencia de ningunha organización incendiaria. Malia as carencias en investigación, semella incríbel que unha “organización” non deixase máis rastro logo de tantos anos de lumes que uns poucos artefactos incendiarios, extremadamente rudimentarios, e que ningún dos seus “axentes” fose detido e/ou identificado. Ademais, a realidade desminte a “teoría da conspiración”, pois todos os detidos e/ou denunciados son veciños do lugar ou das súas proximidades.

Quen son os incendiarios detidos?

Segundo o Servizo de Protección da Natureza (SEPRONA) da Garda Civil, o perfil medio do incendiario en Galicia é un home (máis do 98% dos incendiarios son varóns), cunha idade de 40-65 anos (o 46% do total), que prende lume perto do seu lugar de residencia e que actúa en solitario. Abundan as persoas detidas por imprudencias, máis fáceis de descobriren que os incendiarios intencionados.
O SEPRONA asegura que no medio rural non se perciben os incendiarios como delincuentes e que se ve como normal, e até beneficioso, que o monte arda en certas zonas e épocas.
É diferente se se queima unha zona arborizada dunha zona non arborizada?
É habitual que se diferencie entre os incendios que afectan a zonas de mato e aqueles que queiman zonas arborizadas. Porén, en termos ecolóxicos, un incendio nunha zona de mato non é necesariamente menos grave que outro nunha zona arborizada. Por un lado, os efectos ecolóxicos máis preocupantes dun lume adoitan ser a erosión e a perda de fertilidade do solo, e non a destrución da vexetación en si mesma. Por outro lado, moitas áreas de mato presentan un importante interese natural (varios tipos de mato están incluídos na Directiva europea que protexe os hábitats máis valiosos a nivel europeo), mentres que a maior parte das zonas arborizadas son plantacións forestais e non bosques. Só o 35% da superficie arborizada galega se considera que é bosque natural ou seminatural.
Mudou a política de loita contra os incendios?
O problema dos lumes é un problema moi difícil e complexo. A ningún Goberno se lle pode esixir que o resolva nin nun ano nin en catro. Mais si se lle debe esixir que aplique políticas que tendan a reducir o número de lumes e a súa incidencia. Nese senso, é preciso un cambio político.


¿O actual Goberno iniciou a mudanza que os partidos políticos que o sustentan propugnaban desde a oposición?.

A resposta é non.
Os orzamentos autonómicos de 2006 amosan que o monte aínda non é unha prioridade política. Na política autonómica de montes segue a predominar unha visión pouco sustentábel. Nada se sabe da mudanza do Plano Forestal. Nada se fixo para negociar un amplo pacto social e político en defensa dos montes e contra os incendios, tantas veces demandado por BNG e PSOE desde a oposición e anunciado por Pérez Touriño no verán pasado. O Consello Forestal (órgano consultivo para a participación social) herdado do Goberno anterior non foi reformado, só celebrou a reunión de constitución e non debateu o Plano INFOGA 2006.
A aposta pola prevención que fai o Plano INFOGA 2006 é moi inferior á que sería desexábel e á posíbel se o monte fose unha prioridade orzamentaria. Por exemplo, as actuacións da Consellería do Medio Rural en silvicultura preventiva limítanse aos montes de xestión pública e abranguen 30.124 ha. Os convenios asinados pola Consellería para desbroces inciden sobre outras 14.000 ha. Temos 2 millóns de ha de monte e case 400.000 ha declaradas como de especial risco de incendios.
Un dato preocupante a respecto das expectativas de cambio político é que, segundo o recollido polo xornal “El País” nunha entrevista con Alfredo Suárez Canal, conselleiro do Medio Rural (11 de agosto), foille ofrecido ao director xeral de Montes do anterior Goberno, Tomás Fernández Couto, a súa continuidade no cargo, que desempeñou durante 10 anos.
Hai que “limpar” o monte?
O mato non é lixo. En termos ecolóxicos, “maleza” é un termo tan incorrecto como “alimaña”. É preciso rozar máis mato para reducir o risco de incendios, mais non sería bo facelo de forma xeralizada. As rozas deben ser selectivas (non afectar a grandes extensións continuas) e centrarse nas áreas con maior risco de lumes. Non se pode ignorar que o mato cumpre funcións ecolóxicas importantes: protección do solo fronte á erosión, mantemento da fertilidade do solo, conservación da biodiversidade,….

É preciso gastar máis en prevención e menos en extinción?

É preciso investir máis en prevención, pero non menos en extinción. O esforzo en extinción debe manterse, polo menos durante os próximos anos, pois, de non ser así, sería aínda moito maior a extensión de monte queimada cada ano. É preciso investir máis en prevención, mais non á custa da extinción.

¿É intelixente que a Xunta e o resto das Administración públicas invistan anualmente en prevención de incendios, en ordenamento e xestión sustentábel do monte, que representa o 69% do territorio galego, o mesmo que nuns poucos quilómetros de estradas que, en moitos casos, con políticas territoriais e de transporte sustentábeis, serían innecesarias?
Todos os datos mencionados proceden de fontes oficiais.

Texto apanhado de www.verdegaia.org

1 Comments:

At 9:21 AM, Blogger moucho branco said...

Antes de nada noraboa polo retorno do tangaranho.

O artgo está francamente interesante, é o segundo que leo entre hoxe e onte do que realmente aprendín algo novo despois de días e días de post sensibilizados pero pouco productivos.

Grazas por colgalo.
Un saúdo.

 

Postar um comentário

<< Home