sexta-feira, agosto 18, 2006

Comunicado de ADEGA

Diante deste drama, e deste desastre ecolóxico, cómpren duas reflexions:
1) A quen beneficia o lume.
2) que se fixo mal que deba ser corrixido para evitar ou, cando menos dificultar esta hecatombe.
Para as duas cuestions, ocorréseme reflectir que todos pecamos de inxenuos. A capacidade de incendiar é muito maior da que se tiña previsto. A capacidade de prever era muito menor da que se esperaba. Por iso é que digo inxenuos. Non se contou con que muitos concellos non ian colaborar. Non se contou coa inmensa capacidade incendiaria dos bosques sen limpar, en encostas ou de especies ignífugas. Non se contou coa existencia de métodos de prender lume muito mais eficaces e sofisticados dos habituais. Non se contou con que habia sectores da populación interesados en que non pasase este veran sen arder. Non se contou tampouco con unha climatoloxia favorable aos incendios, que, por outra parte, sempre existiu.
Mais nunca tiña acontecido esta explosión repentina e simultánea incendiaria. Para alén diso arden tanto as especies pirófitas como as frondosas. O dano en saúde tanto ecoloxica como humana é enorme. As persoas estan a respirar un ar contaminado, con dano para as suas vias respiratorias, e os solos fican empobrecidos a todos os niveis. Os restos de materia carbonizada acaba por cair nos rios e rias, danando a vida que se cria nelas. Nesoutro dia falei con unha mariscadora de Vilaxoan. Diciame: Atacannos por terra agora antes foi polo mar, só fica o ar, mas polo que sabemos nen iso queda. Mas tamén dicia: Se escrebes ou falas nalgún medio di que as galegas e galegos vamos sair para adiante, ainda que algúns non o queiran. Porque lle votamos valor.
Non se trata de eximir de responsabilidades ao governo. Tampouco de criticar gratuitamente, pois como ben se sabe o falar non ten cancelas. Agora trátase de trabar a vaga de incendios, e de coidar que non se reproduzan ou extendan. Recoñezo o empeño por lle poñer remedio a esta situación e a transparencia informativa, coa comparecencia diaria dos responsábeis do governo. Non se negou a evidencia da gravedade, como os vellos políticos nos tiñan acostumados. Pediuse a intervención das forzas civís e militares, non como no caso do Prestige, que se lles tivo parados un tempo precioso. As formas son de todo diferentes, e iso e de recoñecer.
Mais a eficacia da prevención non foi tal. Isto non debia ter sucedido. Posibelmente non se valoraron os resortes que funcionan no medio rural. Nen a capacidade incendiaria deste terrorismo ecolóxico. Como se fixera no caso do Prestige debemos reclamar a opinión e colaboración dos expertos, tanto en temas forestais, como en socioloxia, e das xentes que viven do monte e do agro. Agora a poboacion civil volta a movilizarse. É un caso de urxencia, como o do Prestige. E farémolo como o fixemos antes. Nunca Máis, que representa a esta poboación civil, que integra tanto a colectivos como individualidades, convoca a unha manifestación en Compostela, tamen asediada polas chamas, para o domingo 20 de agosto.
Ali estaremos para proclamar que hai xente que lle quere a este país de Galiza, e que vai seguir loitando pola sua dignidade e para que a xente que decida traballar e vivir aqui o poida facer con base as riquezas naturais que temos e a nosa capacidade criativa. Manténdoas e incrementándoas de maneira perdurábel. Ali estaremos para mostrar a nosa soliedariedade coas xentes que levan dias e dias traballando arreo para salvar o que se poida do lume. Tamen para mostrar a nosa disposición a colaborar nas tarefas que se coordenen, tanto desde a administración como desde os colectivos como ADEGA para traballar no voluntariado.
Adela Figueroa Panisse, presidenta de ADEGA
Artigo apanhado de www.adega.info

1 Comments:

At 12:22 PM, Blogger moucho branco said...

Non se pode dicer que aporte gran cousa, pero non deixa de ser un artigo de interese por que ven de quen ven.

Outro apontamente interesante.

Saúdos.

 

Postar um comentário

<< Home