sábado, abril 05, 2008

A COPE, contra a língua galega

Organizacións sociais denuncian o feito e solidarízanse coa xuíza afectada
A Cope denuncia unha xuíza porque redactou a sentenza en galego

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


O Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) abriu unhas dilixencias previas contra a titular do xulgado do social número 2 de Santiago de Compostela, Ana López-Suevos, acusada de "sectarismo e partidismo" polos avogados da Cadea COPE por ter permitido a utilización do galego nun xuízo contra a emisora. Os letrados da emisora da Conferencia Episcopal Española denunciaron a maxistrada despois de perder un caso no seu xulgado.

Unha traballadora da emisora demandou á cadea por un despedimento improcedente, xa que entendía que a botaran porque casou cunha muller e porque é militante do Bloque Nacionalista Galego (BNG). A demanda presentouse en galego e así se tramitou. Segundo se puido constatar, os avogados da Cope responderon á demanda sen se queixaren da lingua empregada, e continuouse o procedemento en galego "con toda normalidade". O día do xuízo, "cada testemuña expresouse na lingua que quixo, e a acta está redactada en galego e en castelán, seguindo o fío da realidade", aseguraron á Mesa as fontes por ela consultadas.

Non foi até que recibiron a sentenza, desfavorábel para a Cope, que a emisora alegou que o seu avogado non entendía a lingua galega. A resolución, notificada o 23 de xaneiro, consideraba probado que a traballadora fora despedida pola súa opción sexual e pola súa militancia política, e ordenaba á cadea que a readmitise e lle pagase os salarios pendentes.

Foi entón que os letrados da emisora anunciaron ao xulgado o seu descoñecemento do galego e exixiron a tradución da sentenza, que eles mesmos admiten que recibiron un mes despois.

A versión da Cope é diferente. Na denuncia presentada ao CXPX, á que tivo acceso A Mesa, o avogado da emisora afirma que dixo á xuíz que o castelán é o único idioma que coñece e que, aínda así, a maxistrada permitiu o uso do galego. López-Suevos négao con rotundidade e xa fixo chegar ao CXPX unha certificación da secretaria xudicial que dá fe de como se desenvolveu o xuízo. A denuncia da cadea tamén mantén que as súas afirmacións son "de fácil comprobación examinando o visionado do acto [o xuízo]", cousa imposíbel porque as vistas orais non se rexistran na xurisdición social.

A denuncia contra a xuíz, alén de considerar literalmente que “o que resulta absolutamente imadmisíbel é que permitise [a xuíz] que a Letrada da parte actora formulase as súas conclusións en lingua galega” (sic) e que “con ser isto grave, mais o é aínda que a acta do xuízo fose realizada en lingua galega” (sic), tamén apunta que o castelán é "lingua de obrigada aplicación" na xustiza segundo o artigo 231 da lei orgánica do poder xudicial, porén obvia que o mesmo artigo indica que tamén se pode utilizar a lingua cooficial en cada territorio: se algunha das partes alega indefensión, é preciso habilitar un intérprete, medida que a maxistrada aplicaría "se o avogado da Cope alertase do descoñecemento do galego". “E o letrado fixo os interrogatorios sen que parecese que tiña ningún problema", sinala.

Ante estes feitos, A Mesa, xunto con diversas organizacións sociais, quere manifestar

1. A súa máis absoluta repulsa ao emprego de tácticas xurídicas tan burdas e zafias para disimular o verdadeiro fondo deste asunto: que os letrados da Cope foron derrotados xustamente nun procedemento xudicial por despedir a unha traballadora por móbiles homófobos e políticos;

2. repudiar a actitude da Cope por empregar o idioma galego como pretendido elemento de confrontación entre cidadáns, cando todo o procedemento se desenvolveu con absoluta liberdade por todas as partes intervenientes;

3. denunciar o emprego excesivamente frecuente nos órganos xurisdicionais da suposta indefensión que ocasiona o descoñecemento do galego con fins dilatorios e que non responden á realidade, producindo unha defraudación da lei aplicábel, que non existe para escusar a má actuación do letrado no procedemento ou conceder máis tempo para preparar un recurso mentres se resolven as queixas infundadas en materia de lingua;

4. denunciar o emprego destas queixas como elemento amedrentador dos xuíces e xuízas que optan libremente por empregar o galego como lingua vehicular do xulgado e que respectan escrupulosamente os dereitos lingüísticos de todos os intervenientes no proceso;

5. denunciar a actitude do Consello Xeral do Poder Xudicial, que decide incoar unhas dilixencias previas a esta maxistrada (paso anterior, no seu caso, á abertura de expediente disciplinario), no canto de propor o arquivo directamente tras as primeiras informacións previas (paso anterior, no seu caso, á abertura de expediente disciplinario);

6. reclamar da Conferencia Episcopal, como propietaria da cadea COPE, que desautorice publicamente aos letrados promoventes da queixa, para diferenciar claramente a actitude destes xuristas da liña da Xerarquía Eclesial, en aras a evitar confundir á opinión pública sobre o respecto da Igrexa polo galego;

7. amosar o noso total apoio e solidariedade coa maxistrada inxustamente investigada e esixir ao CXPX o inmediato arquivo das actuacións que se seguen contra ela a nivel informativo;

8. amosar o noso apoio a todos os xuíces/as, maxistradas/os, fiscais, secretarios/as e funcionariado da Administración de Xustiza que traballan diariamente na nosa lingua, facendo dela un uso normal nunha administración que só de xeito moi precario asume que o Galego é lingua oficial en Galiza e esquece con demasiada frecuencia os dereitos lingüísticos dos/as galego falantes, que non poden escoller o seu idioma como lingua do procedemento.

Queremos aproveitar a oportunidade para denunciar

a) Que na Administración de Xustiza o emprego do noso idioma non acada o 8% do total das actuacións orais e escritas dos procedementos.

b) Que os membros da xudicatura, fiscalía e o funcionariado de xustiza carecen de textos legais actualizados en galego (todos se dispensan en castelán, iso si, co logotipo da Xunta).

c) Que as aplicacións informáticas, dependentes da Consellaría de Presidencia do Goberno galego, non permiten desenvolver con normalidade un procedemento integramente en galego.

Por todo isto PEDIMOS respecto para a nosa lingua, reclamamos que poidamos vivir en galego tamén na Administración de Xustiza, e que a manipulación mesquiña que algúns maos letrados fan das súas derrotas xurídicas non se convertan en ataques á nosa lingua, auspiciados gratuitamente pola mesma ideoloxía que leva a despedir a unha traballadora pola súa opción sexual e as súas ideas políticas.

Por último, anunciamos a posta en marcha dunha campaña, que inclúe desde a recollida de sinaturas de apoio até iniciativas de tipo parlamentario, co fin de amparar o emprego do galego nas actuacións xudiciais e denunciar os intentos de excluír a lingua propia do noso país como lingua normal de uso no ámbito da Xustiza.

Apanhado de www.galizacig.com