Cordaesperanza - Relato de Alízia Fernández
Ela tiña os ollos cordaesperanza, levaba nas meniñas o sabor do chocolate, nas pálpebras o liño todo.
Soñaba con ser princesa, ou crecha nova, ou presaxio agoiro vaticinio predicción. Idealizaba o brillo de froita da súa mirada e levantaba orbes coas unllas cheas de millo, mar e sabugueiro.
Estaba feita de porvir e promesas. A súa pel era un lenzo azul e branco inmenso enorme desmedido, os seus medos eran tres, mínimos pequeniños. O primeiro: que as mazarocas roubaran o escintileo dos seus iris ficticios; o segundo: que o salitre lle levara do ollar a esperanza; o terceiro: que o sámago se quedara co verde.
Nunca fora peneira do onírico, durmíase enriba das sabas de flores cursis pouco reais; nada que ver co sabugo que lle pingaba das mans, o océano que lle percorría os dedos e o maínzo que lle nacía na epiderme.
Cando tivo que mover as pestanas verticalmente para deixar na poza as utopías finxidas e as moedas xamais tiradas intentando desexos, quixo que o corpo completo se lle derretera moi despacio. Desexouno tantísimo tantísimo e apretando de tal xeito a cordaesperanza que comezou a despezarse pouco a pouco.
Subíronlle polos brazos regos de auga verdosa e enchéronlle os ollos de mar. Non salgaba o tempo nas súas dúas variantes (minutos e choiva) porque os seus saloucos eran tamén de chocolate. Íanse desfacendo as pingas doces co ritmo da navegación pola porcelana do universo enteiro, e co da música folk. Caéronlle das falanxes graos dourados e foron meterse no océano. Chorou aínda verde, chocolate con leite, esperanza. Puido erguer con tacto de liño a vista, mirar caracolas e mazorgas. Introducíronselle as follas do sabugueiro na derradeira imaxe. Remataron as bágoas de azucre pero a cordaesperanza non desapareceu.
Os medos mínimos pequeniños medraran, colleran os seus poros, transformáranse nun medo só, tan grande coma o lenzo azul e branco inmenso enorme desmedido.
Voou o terror ao saberse do mesmo tamaño que o medo. Levantouse, despacio, igual ca se derretera.
Ela tiña os ollos cordaesperanza, levaba nas meniñas o sabor do chocolate, nas pálpebras o liño todo.
0 Comments:
Postar um comentário
<< Home