O magnetismo de Amado Carballo
Na Feira do Livro Antigo da Corunha, comprei a obra completa de Luís Amado Carballo, editada por Galaxia. Este autor sempre exerceu certo magnetismo sobre mim. Nom sei se será pola tragédia que envolveu a sua existência. Ou simplesmente porque, de por si, é um poeta extremadamente singular. Deixo-vos com os versos de Amado Carballo, e vós julgaredes, vós opinaredes...quê tem Amado Carballo? Porque, sem dúvida, algumha cousa há que engancha...
A CARÓN DO ATLÁNTICO
Hai lóstregos de espranza
Na lonxitú do mar
E comenza a alborada
Nun céltico cantar.
A belida GALICIA
Durmida nas súas mágoas
Pon un ronsel de prata
Na inquedanza das augas.
Na súa misa lírica
Leva o Santo Graal
E comulga con o sol
No templo de aserán.
Os seus ollos chorosos
Contemplan o camiño
Que trazan as estrelas
En branco remuiño.
E a nosa santa TERRA
Magoada de penares
Escoita a canción brava
Que balbordan os mares.
Soñando no futuro
Esquecendo o presente.
Leva no seu ollar
a lumeira do abrente.
Os roxos aturuxos
Acenderon no lonxe,
Lumeiradas de sangue
Nos cabezos dos montes.
Camiña de vagar
Unha estrela viaxeira
E na conca da ria
Bebe o sangue da TERRA.
O mar salaia néboa
Que vén chamar ás portas
E para a nosa patria
De amor pide unha esmola.
Caeron as suas verbas
Nas nosas mans abuadas
Co exilio melancólico
Das nosas esfolladas.
Nevou a nosa alma
Seu ollar bizantino
E a súa roiba voz
Tornáranos meniños.
E pola corredoira,
Ian entre as silveiras
As escumas de lúa
Como tépedas breixas.
Hai lóstregos de espranza
Na lonxitú do mar
E comenza a alborada
Nun céltico cantar.
1 Comments:
Não conhecia Luís Amado Carballo. Sem dúvida, algo prende. A suave toada rítmica dos cânticos primevos? (não domino toda a semântica).
Boa tarde. Abraço.
Postar um comentário
<< Home